lunes, 23 de marzo de 2026

MATEMÁTICAS ao BAÑO MARÍA.... A estimación non é adiviñar

Na aula pedimos a miúdo que o alumnado “estime” antes de resolver un problema. Pero moitas veces, o que realmente reciben como mensaxe é: di un número calquera, rápido, sen pensar demasiado.
E cando responden así, concluímos que “non saben estimar”. 

O problema non sempre está neles: 

moitos deses erros son simplemente un eco de como ensinamos.

Que entende un neno ou nena cando lle pedimos que “estime”?

Se para un estudante estimar é lanzar un número ao chou, non é desinterese nin falta de razoamento. É que, dalgún xeito, lle pedimos unha resposta antes de ensinarlle a:

  • Observar: mirar as cantidades con calma.
  • Comparar: relacionar o que ve co que xa coñece.
  • Xustificar: explicar por que pensa que a súa aproximación ten sentido.

Cando estes pasos non se traballan de maneira explícita, a estimación convértese nun exercicio baleiro, case mecánico: “digo algo porque a profe o pide”.

Pero a estimación NON é adiviñar.
A estimación é mirar con intención!!!

Por que é importante ensinar a estimar ben?

A estimación é unha competencia transversal que lles axuda a:

  • Tomar decisións rápidas e razoables.
  • Validar resultados, ten sentido este número?.
  • Desenvolver sentido numérico e criterio de magnitude.
  • Perder o medo a errar e aprender a axustar.

É, ademais, unha porta de entrada preciosa ao pensamento matemático: invita a 

observar, comparar, anticipar, xustificar… 

e todo isto sen esixir exactitude.

A estimación non é un ritual previo ao cálculo 

nin unha resposta rápida e inconsciente.

É unha maneira de 

pensar, de mirar o mundo e de relacionarse cos números.

Cando ensinamos ao alumnado...

a mirar con intención, a fixarse, a comparar, a argumentar, 

entón a ESTIMACIÓN convértese no que realmente é:

unha HABILIDADE poderosa que lles servirá para toda a VIDA!