Junto con C. Lois, C. Núñez, P.G. Sequeiros en el núm. 122 de la Revista Números de
lunes, 30 de marzo de 2026
RECEITAS sen RECEITA... Empaquetando ao CHOUrizo
lunes, 23 de marzo de 2026
MATEMÁTICAS ao BAÑO MARÍA.... A estimación non é adiviñar
Na aula pedimos a miúdo que o alumnado “estime” antes de resolver un problema. Pero moitas veces, o que realmente reciben como mensaxe é: di un número calquera, rápido, sen pensar demasiado.
E cando responden así, concluímos que “non saben estimar”.
O problema non sempre está neles:
moitos deses erros son simplemente un eco de como ensinamos.
Que entende un neno ou nena cando lle pedimos que “estime”?
Se para un estudante estimar é lanzar un número ao chou, non é desinterese nin falta de razoamento. É que, dalgún xeito, lle pedimos unha resposta antes de ensinarlle a:
- Observar: mirar as cantidades con calma.
- Comparar: relacionar o que ve co que xa coñece.
- Xustificar: explicar por que pensa que a súa aproximación ten sentido.
Cando estes pasos non se traballan de maneira explícita, a estimación convértese nun exercicio baleiro, case mecánico: “digo algo porque a profe o pide”.
Por que é importante ensinar a estimar ben?
A estimación é unha competencia transversal que lles axuda a:
- Tomar decisións rápidas e razoables.
- Validar resultados, ten sentido este número?.
- Desenvolver sentido numérico e criterio de magnitude.
- Perder o medo a errar e aprender a axustar.
É, ademais, unha porta de entrada preciosa ao pensamento matemático: invita a
observar, comparar, anticipar, xustificar…
e todo isto sen esixir exactitude.
A estimación non é un ritual previo ao cálculo
nin unha resposta rápida e inconsciente.
É unha maneira de
pensar, de mirar o mundo e de relacionarse cos números.
Cando ensinamos ao alumnado...
a mirar con intención, a fixarse, a comparar, a argumentar,
entón a ESTIMACIÓN convértese no que realmente é:
sábado, 31 de enero de 2026
OBRADOIRO CON SABOR... A simetría
A simetría é un deses conceptos matemáticos que, explicados só con palabras, poden parecer abstractos para o alumnado. Pero cando teñen un espello diante, todo cambia.
O que antes era unha idea difícil de imaxinar convértese nun descubrimento inmediato, visual e sorprendente. A metade dunha figura transfórmase nun todo, e o que parecía incompleto cobra sentido de súpeto.
Traballar a simetría en educación infantil a través de espellos é unha proposta sinxela, accesible e profundamente poderosa. Non require materiais complexos nin longas explicacións:
basta con ofrecer un espello
e deixar que a curiosidade faga o resto!!!
O alumnado observa, proba, xira, achega e afasta o espello, e pouco a pouco comeza a recoñecer que hai formas que “se completan” e outras que non. A simetría deixa de ser teoría para converterse nunha experiencia directa.
Un dos momentos máis especiais desta actividade é cando un neno ou nena coloca o espello sobre a metade dun debuxo e ve aparecer a figura enteira. Ese instante de sorpresa —ese “mira, agora está completo!”— é pura matemática en acción. Sen memorizar, sen repetir, sen fichas: só descubrimento, percepción e pensamento visual.
Integrar espellos na aula é...
abrir un espazo onde a matemática se pode
TOCAR, VER E TRANSFORMAR!!!
Un espazo onde o alumnado non só aprende, senón que descobre...
martes, 27 de enero de 2026
OBRADOIRO CON SABOR... A lista da compra
No Obradoiro con sabor seguimos demostrando que as matemáticas temperás non comezan nos cadernos, senón na vida diaria.
Esta semana, a "lista da compra" converteuse nun recurso cheo de posibilidades para
pensar, decidir e razoar.
A partir dela, o alumnado explorou accións matemáticas esenciais que tamén se poden practicar na casa.
Seleccionar
Escoller que produtos son necesarios e cales non.
Decidir entre varias opcións segundo un criterio: prezo, tamaño, saúde, sustentabilidade.
Identificar que alimentos pertencen ao almorzo, ao xantar ou á merenda.
Clasificar
Agrupar produtos por categorías: froita, lácteos, limpeza, envasados, frescos.
Ordenar por cor, forma, tipo de envase ou lugar do supermercado onde se atopan.
Separar o que é “para agora” e o que é “para máis adiante”.
Comparar
Comparar tamaños, pesos e formatos.
Observar diferenzas entre prezos, marcas, ingredientes ou envases.
Rexistrar
Anotar cantidades.
Rexistrar prezos.
Crear pequenas táboas ou listas onde o alumnado recolle o que observa.
Ordenar
Organizar a lista.
Ordenar produtos de maior a menor prezo, peso ou tamaño.
Estimar
Predicir canto custará a compra antes de ir.
Estimar cantas unidades farán falta para unha semana.
Un aprendizaxe que continúa na casa...
Cada familia pode seguir estas accións ao facer a compra: deixar que as nenas e os nenos seleccionen, comparen, rexistren ou estimen transforma un xesto cotián nun momento de PENSAMENTO MATEMÁTICO AUTÉNTICO!!!
miércoles, 21 de enero de 2026
MATEMÁTICAS ao BAÑO MARÍA.... O pensamento matemático Vs. estética
O pensamento matemático non nace da estética,
senón das RELACIÓNS!!!
As matemáticas en Infantil NON SON:
números escritos,
fichas coloreadas,
bandexas sensoriais,
provocacións de imaxes,
materiais naturais sen intención.
As matemáticas en Infantil SON:
clasificar,
comparar,
ordenar,
seriar,
corresponder,
conservar,
estimar,
argumentar,
modelizar.
Se unha actividade non activa ningunha destas estruturas, non é matemática.
domingo, 11 de enero de 2026
OBRADOIRO CON SABOR... explorando as mates cun conto
Aprender matemáticas en infantil pode ser unha experiencia divertida e significativa cando se combina con contos e actividades sensoriais. Neste obradoiro propoñemos traballar conceptos matemáticos a partir do libro “Imos cazar un oso”, creando un espazo onde
a lectura, o xogo e o sabor...
SE UNEN!!!
Por que este conto?
“Imos cazar un oso” é unha historia chea de repeticións, obstáculos e percorridos, ideal para introducir nocións como orde, secuencia, orientación espacial e comparacións. Mentres seguimos a aventura, os nenos exploran...
espazos (dentro/fora, diante/detrás),
tamaños (grande/pequeno) e
contan elementos que aparecen no camiño.
Actividades matemáticas propostas
- Contar elementos: Cantos obstáculos hai?
- Secuencias e orde: Que aparece primeiro? Que vén despois?
- Espazo e orientación: Arriba/abaixo, diante/detrás, dentro/fora.
- Medidas e comparacións: Que é máis grande? Que é máis pequeno?
- Patróns: Crear series con cores ou materiais inspirados no conto.
Mais actividades con... sabor
Para facer a experiencia máis sensorial, propoñemos recrear o “camiño” do conto usando alimentos: cereais, froitas, galletas… Cada obstáculo pode representarse cun ingrediente distinto. Así traballamos:
- Series e patróns: froita-cereal-froita.
- Contar unidades: cantas pezas hai en cada tramo?
- Comparar tamaños: que ingrediente é máis grande?
Ao final, os nenos poden degustar o seu “camiño matemático”, reforzando a aprendizaxe a través do xogo e do sabor.






