domingo, 28 de diciembre de 2025

RECEITAS SEN RECEITA... Descubrir matemáticas en familia

Hai ideas que nacen na cociña e acaban iluminando a escola. E hai outras que nacen na escola e acaban transformando a cociña familiar. As receitas sen receita pertencen a esta segunda categoría: pequenas experiencias cotiás que converten a vida doméstica nun espazo de exploración matemática, sen presións, sen fichas e sen medo a equivocarse.

A raíz dun artigo recentemente publicado en EDMA 0-6

https://revistas.uva.es/index.php/edmain/es/article/view/10587,


volvo pensar no poder que teñen estas propostas aparentemente sinxelas para activar o pensamento matemático na etapa infantil. Porque, cando falamos de matemáticas significativas, non falamos de números escritos nun papel, senón de experiencias que teñen sentido para quen as vive.

A cociña como laboratorio matemático

Cando unha familia decide preparar unha torta “a ollo”, sen seguir unha receita exacta, está facendo moito máis que cociñar. Está abrindo a porta a unha conversa matemática natural, espontánea e profundamente rica.

Os nenos e nenas:

COMPARAN CANTIDADES

ESTIMAN "CANTO FALTA"

OBSERVAN CAMBIOS

CONTAN TEMPOS

XUSTAN PROPORCIÓNS

TOMAN DECISIÓNS

E todo isto sen que ninguén lles diga “agora imos facer matemáticas”. Simplemente ocorre, porque a matemática é unha forma de mirar o mundo, non unha lista de contidos.

Matemáticas que se viven, non que se explican

Unha das ideas máis fermosas que recolle o artigo de EDMA 0-6 é que a matemática na infancia non se transmite: acompañase. Non se trata de que o neno “aprenda a sumar”, senón de que descubra que sumar é útil cando reparte galletas, que medir é necesario cando quere saber se a masa chega para dúas pizzas, ou que comparar é imprescindible cando decide cal vaso enche máis.

O artigo lembra algo esencial: a matemática significativa nace do vínculo, da conversa e da curiosidade compartida.

Se tes nenos ou nenas na casa, ou se traballas con eles... Non busques exactitude. Non busques perfección. Busca preguntas, sorpresas. E lembra que, como ben sinala o artigo de EDMA 0-6, a mellor matemática é aquela que se vive, non a que se memoriza.

viernes, 19 de diciembre de 2025

OBRADOIRO CON SABOR... unha caixa chea de matemáticas

Agora que chega o tempo en familia, non fan falta materiais especiais para que as matemáticas emerxan nas primeiras idades. Ás veces chega cun ingrediente sinxelo e cheo de posibilidades: 

UNHA CAIXA!

Unha caixa convértese nun espazo de 

observación, de exploración e de descubrimento. 

Entrar, saír, encher, baleirar, empurrar, xirar… 

Cada acción é unha idea matemática que nace do corpo e da experiencia directa. E o mellor que podemos facer é DEIXAR FACER, permitir que o xogo libre abra camiños que ningunha ficha podería ofrecer.

Este Nadal, todo o que temos ao noso alcance —caixas, lazos, papeis, obxectos cotiáns— pode facer aflorar AS MATEMÁTICAS INFORMAIS que realmente constrúen coñecemento nas primeiras idades. Porque as matemáticas, antes de ser números, son relacións, accións e descubrimentos compartidos.

jueves, 11 de diciembre de 2025

MATEMÁTICAS AO BAÑO MARÍA... Formas planas Vs. Corpos xeométricos

Na ensinanza da xeometría infantil adoita asumirse que as formas planas deben presentarse antes ca os corpos xeométricos. Porén, esta secuencia merece ser cuestionada. 


A experiencia cotiá dos nenos e nenas é tridimensional: xogan con pelotas, constrúen con bloques, manipulan obxectos que teñen volume. 

O ESPAZO que habitan 

é 3D, non 2D.


Desde esta perspectiva, os corpos xeométricos deberían ocupar o primeiro lugar na ensinanza, porque responden á percepción natural e concreta da infancia. 

A nivel internacional, Clements e Sarama (2009) mostran como os nenos progresan desde a manipulación de corpos xeométricos cara á abstracción das formas planas. Esta idea reforza que o plano non é un prerrequisito, senón unha derivación conceptual do volume. 

En definitiva, 

a xeometría infantil non debería comezar no papel, 

senón no espazo

Só desde a manipulación do tridimensional se constrúe unha ponte sólida cara á comprensión do bidimensionaL!!!

sábado, 6 de diciembre de 2025

ERROR Al DENTE I... Descubrindo o valor posicional desde a manipulación e a espera

Ás veces a aula convértese nunha cociña de aprendizaxes onde os ERROS son o ingrediente secreto. 

Nesta proposta, cada estudante de 5 anos tiña que 

ordenar de menor a maior cinco botellas de auga numeradas 

O reto comezaba coa estimación e a comparación: mirar, manipular, coller, sentir o peso.

Despois ofrecíaselles dúas ferramentas distintas —balanzas dixitais e analóxicas— e cada neno escollía segundo as súas preferencias. Con elas repetían o proceso de ordenación. Neste camiño, os nenos manipulan, estiman e rexistran os resultados, facendo visible o seu propio proceso de pensamento.

E entón ocorre a maxia: o que semellaba un erro inicial transfórmase en descubrimento. As preguntas da mestra, a espera e a interacción co material abren a porta a unha aprendizaxe profunda: o valor posicional dos números. Non se trata de memorizar, senón de experimentar, de equivocarse e volver probar. O erro, lonxe de ser un obstáculo, convértese nun camiño para comprender que os números non son só símbolos, senón relacións que se poden tocar, comparar e ordenar.

A cociña matemática recórdanos que a paciencia e a manipulación son claves para que os nenos descubran por si mesmos conceptos tan abstractos como o valor posicional. A maxia está en esperar, en acompañar, en deixar que o erro se coza… al dente.

Descubre en el siguiente vídeo como se tranformou o erro... 


viernes, 5 de diciembre de 2025

COCIÑANDO MATES DESDE A INFANCIA... ATA O MÁIS ALÁ

 Queridas lectoras e lectores:

Este blog renace. Durante máis de dez anos foi un diario de aula de infantil, cheo de actividades e experiencias (non só matemáticas) compartidas cos máis pequenos.

Hoxe, tres anos despois, desde a miña nova etapa como formadora de mestres, quero abrir de novo esta cociña de ideas.

QUE ATOPARÁS AGORA?

1. MATEMÁTICAS AO BAÑO MARÍA

Reflexións provocadoras sobre a didáctica das matemáticas, os procesos fundamentais na infancia e como se transforman na formación docente.

2. RECEITAS SEN RECEITA

Recomendacións de artigos, libros e investigacións que inspiran novas formas de pensar e ensinar as matemáticas.

3. OBRADOIROS CON SABOR

Experiencias prácticas de cursos e actividades en centros, contadas desde a cociña da aprendizaxe compartida.

4. ERROS AL DENTE

O tratamento do erro como punto de interese: equivocarse como ingrediente clave para aprender e reflexionar.

POR QUE "ATA O MÁIS ALÁ"?

Porque as matemáticas NON se quedan na aula: 

viaxan connosco, convértense en preguntas e acompáñannos en cada etapa.

Este espazo quere explorar ese máis ALÁ: o que une 

INFANCIA, FORMACIÓN e VIDA.

Grazas por volver entrar nesta cociña. Aquí seguimos, con ganas de... 

MESTURAR INGREDIENTES, 

PROBAR NOVAS RECEITAS

E COMPARTIR O SABOR DAS MATEMÁTICAS!