sábado, 31 de enero de 2026

OBRADOIRO CON SABOR... A simetría

A simetría é un deses conceptos matemáticos que, explicados só con palabras, poden parecer abstractos para o alumnado. Pero cando teñen un espello diante, todo cambia.

O que antes era unha idea difícil de imaxinar convértese nun descubrimento inmediato, visual e sorprendente. A metade dunha figura transfórmase nun todo, e o que parecía incompleto cobra sentido de súpeto.

Traballar a simetría en educación infantil a través de espellos é unha proposta sinxela, accesible e profundamente poderosa. Non require materiais complexos nin longas explicacións:

basta con ofrecer un espello

e deixar que a curiosidade faga o resto!!!

O alumnado observa, proba, xira, achega e afasta o espello, e pouco a pouco comeza a recoñecer que hai formas que “se completan” e outras que non. A simetría deixa de ser teoría para converterse nunha experiencia directa.

Un dos momentos máis especiais desta actividade é cando un neno ou nena coloca o espello sobre a metade dun debuxo e ve aparecer a figura enteira. Ese instante de sorpresa —ese “mira, agora está completo!”— é pura matemática en acción. Sen memorizar, sen repetir, sen fichas: só descubrimento, percepción e pensamento visual.

Integrar espellos na aula é...

abrir un espazo onde a matemática se pode

TOCAR, VER E TRANSFORMAR!!!

Un espazo onde o alumnado non só aprende, senón que descobre...

martes, 27 de enero de 2026

OBRADOIRO CON SABOR... A lista da compra

No Obradoiro con sabor seguimos demostrando que as matemáticas temperás non comezan nos cadernos, senón na vida diaria.

Esta semana, a "lista da compra" converteuse nun recurso cheo de posibilidades para

pensar, decidir e razoar.


A partir dela, o alumnado explorou accións matemáticas esenciais que tamén se poden practicar na casa.

Seleccionar

  • Escoller que produtos son necesarios e cales non.

  • Decidir entre varias opcións segundo un criterio: prezo, tamaño, saúde, sustentabilidade.

  • Identificar que alimentos pertencen ao almorzo, ao xantar ou á merenda.

Clasificar

  • Agrupar produtos por categorías: froita, lácteos, limpeza, envasados, frescos.

  • Ordenar por cor, forma, tipo de envase ou lugar do supermercado onde se atopan.

  • Separar o que é “para agora” e o que é “para máis adiante”.

Comparar

  • Comparar tamaños, pesos e formatos.

  • Observar diferenzas entre prezos, marcas, ingredientes ou envases.

Rexistrar

  • Anotar cantidades.

  • Rexistrar prezos.

  • Crear pequenas táboas ou listas onde o alumnado recolle o que observa.

Ordenar

  • Organizar a lista.

  • Ordenar produtos de maior a menor prezo, peso ou tamaño.

Estimar

  • Predicir canto custará a compra antes de ir.

  • Estimar cantas unidades farán falta para unha semana.

Un aprendizaxe que continúa na casa...

Cada familia pode seguir estas accións ao facer a compra: deixar que as nenas e os nenos seleccionen, comparen, rexistren ou estimen transforma un xesto cotián nun momento de PENSAMENTO MATEMÁTICO AUTÉNTICO!!!

miércoles, 21 de enero de 2026

MATEMÁTICAS ao BAÑO MARÍA.... O pensamento matemático Vs. estética

O pensamento matemático non nace da estética, 

senón das RELACIÓNS!!!

As matemáticas en Infantil NON SON:

  • números escritos,

  • fichas coloreadas,

  • bandexas sensoriais,

  • provocacións de imaxes,

  • materiais naturais sen intención.

As matemáticas en Infantil SON:

  • clasificar,

  • comparar,

  • ordenar,

  • seriar,

  • corresponder,

  • conservar,

  • estimar,

  • argumentar,

  • modelizar.

Se unha actividade non activa ningunha destas estruturas, non é matemática.

E nada máis.
É ESTÉTICA!!!
QUE VES?

domingo, 11 de enero de 2026

OBRADOIRO CON SABOR... explorando as mates cun conto

Aprender matemáticas en infantil pode ser unha experiencia divertida e significativa cando se combina con contos e actividades sensoriais. Neste obradoiro propoñemos traballar conceptos matemáticos a partir do libro “Imos cazar un oso”, creando un espazo onde 

a lectura, o xogo e o sabor...

 SE UNEN!!!

Por que este conto?

“Imos cazar un oso” é unha historia chea de repeticións, obstáculos e percorridos, ideal para introducir nocións como orde, secuencia, orientación espacial e comparacións. Mentres seguimos a aventura, os nenos exploran...

espazos (dentro/fora, diante/detrás), 

tamaños (grande/pequeno)

contan elementos que aparecen no camiño.

Actividades matemáticas propostas

  1. Contar elementos:  Cantos obstáculos hai?
  2. Secuencias e orde: Que aparece primeiro? Que vén despois?
  3. Espazo e orientación: Arriba/abaixo, diante/detrás, dentro/fora.
  4. Medidas e comparacións: Que é máis grande? Que é máis pequeno?
  5. Patróns: Crear series con cores ou materiais inspirados no conto.

Mais actividades con... sabor

Para facer a experiencia máis sensorial, propoñemos recrear o “camiño” do conto usando alimentos: cereais, froitas, galletas… Cada obstáculo pode representarse cun ingrediente distinto. Así traballamos:

  • Series e patróns: froita-cereal-froita.
  • Contar unidades: cantas pezas hai en cada tramo?
  • Comparar tamaños: que ingrediente é máis grande?

Ao final, os nenos  poden degustar o seu “camiño matemático”, reforzando a aprendizaxe a través do xogo e do sabor.

Os CONTOS son unha ponte perfecta entre a 

IMAXINACIÓN e as MATEMÁTICAS!!!