A simetría é un deses conceptos matemáticos que, explicados só con palabras, poden parecer abstractos para o alumnado. Pero cando teñen un espello diante, todo cambia.
O que antes era unha idea difícil de imaxinar convértese nun descubrimento inmediato, visual e sorprendente. A metade dunha figura transfórmase nun todo, e o que parecía incompleto cobra sentido de súpeto.
Traballar a simetría en educación infantil a través de espellos é unha proposta sinxela, accesible e profundamente poderosa. Non require materiais complexos nin longas explicacións:
basta con ofrecer un espello
e deixar que a curiosidade faga o resto!!!
O alumnado observa, proba, xira, achega e afasta o espello, e pouco a pouco comeza a recoñecer que hai formas que “se completan” e outras que non. A simetría deixa de ser teoría para converterse nunha experiencia directa.
Un dos momentos máis especiais desta actividade é cando un neno ou nena coloca o espello sobre a metade dun debuxo e ve aparecer a figura enteira. Ese instante de sorpresa —ese “mira, agora está completo!”— é pura matemática en acción. Sen memorizar, sen repetir, sen fichas: só descubrimento, percepción e pensamento visual.
Integrar espellos na aula é...
abrir un espazo onde a matemática se pode
TOCAR, VER E TRANSFORMAR!!!
Un espazo onde o alumnado non só aprende, senón que descobre...

No hay comentarios:
Publicar un comentario